Novas
Clausura do programa "Camiña con nos pola igualdade" na EEI Monte da Guia
12/05/2010 Máis novasO tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, clausuraron este mércores unha nova edición do programa "Camiña con nós pola igualdade", que na súa quinta convocatoria se impartiu en 35 centros escolares e acadou os 2.622 alumnos e alumnas participantes.
A finalidade do programa é traballar cara a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e previr a violencia de xénero.
Monitoras especializadas en xénero e igualdade contratadas polo Concello de Vigo imparten os obradoiros en horario lectivo para o alumnado do segundo ciclo de educación infantil (3,4 e 5 anos) e 6º curso de Educación Primaria.
Os obradoiros que se imparten están adaptados ás necesidades dos centros e do alumnado participante e destacan por primar a participación e o carácter lúdico.
O acto de clausura tivo lugar no EEI Monte da Guía, centro no que se desenvolveron tres obradoiros en cada unha das aulas de 3, 4 e 5 anos. Alí, a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, destacou que ademais dos servizos dirixidos ás mulleres vítimas de violencia de xénero, un dos traballos fundamentais do seu departamento e a prevención a través da educación e o traballo cos máis pequerrechos. Na súa intervención fixo referencia tamén a experiencia das monitoras, que aseguran que é doado traballar cos nenos e nenas de 3 anos, porque aínda non teñen prexuízos; pola contra, xa a partir dos 5 anos comezan a ver os distintos estereotipos sociais.
Na primeira edición do programa, no curso 2005-2006, foron 20 os centros de ensino participantes; no curso 2006-2007 participaron 32 centros; no curso 2007-2008 participaron 29 centros; no curso 2008-2009 os obradoiros impartíronse en 30 centros e xa no curso 2009-2010 son xa 35 os centros nos que se impartiu o programa.