Web Concellería
de Igualdade
Web Violencia de Xénero
Violencia Sexual na Xuventude
|
Consello Municipal da Muller
O Consello Municipal da Muller nace o 2 de decembro de 1993, como unha iniciativa pioneira en todo o estado e co obxecto de garantir o dereito á participación na vida municipal das cidadás viguesas como colectivo social.
.jpg) |
|
Durante estes anos 25 anos de andaina o Consello Municipal da Muller constituíu un papel favorecedor do encontro das asociacións e entidades que traballan a prol das mulleres en Vigo, adquirindo un papel participativo e aglutinador das políticas a favor da igualdade de oportunidades e trato das mulleres nos distintos ámbitos de intervención municipal. |
Cun regulamento específico, que foi aprobado definitivamente no Pleno da Corporación Municipal o 26 de febreiro de 1993, ten como obxectivos:
- Estudar e emitir informes sobre temas que considere de interese para as mulleres.
- Promover e priorizar iniciativas da Concellería de Igualdade e outras institucións derivadas das análises, estudos e demandas realizadas sobre temas relativos ás mulleres.
- Potenciar a coordinación entre as institucións que actúen neste eido en Vigo.
- Propoñer actuacións e acordos ás diversas concellerías, á Corporación, aos consellos municipais e a cantas institucións incidan co seu quefacer, ou coas súas omisións, no ámbito da muller.
- Analizar as actuacións e intervencións que no ámbito da muller se dean na cidade para darlles resposta.
- Informar, debater e difundir os temas e dereitos das mulleres.
- Fomentar a presenza e participación das mulleres en todos os ámbitos.
- Apoiar e fomentar o asociacionismo das mulleres para acadar a meirande participación e solidariedade.
Ver documento (.pdf) Durante estes anos 25 anos de andaina o Consello Municipal da Muller constituíu un papel favorecedor do encontro das asociacións e entidades que traballan a prol das mulleres en Vigo, adquirindo un papel participativo e aglutinador das políticas a favor da igualdade de oportunidades e trato das mulleres nos distintos ámbitos de intervención municipal.
Actualmente as representantes do Consello Municipal da Muller son:
CONCELLERÍA DE IGUALDADE |
ASOCIACIÓN MUJERES EN IGUALDAD |
GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE |
VIUDAS DEMÓCRATAS DE VIGO |
GRUPO MUNICIPAL DO PP |
ASOCIACIÓN DE EMPRESARIAS DE GALICIA |
GRUPO MUNICIPAL MIXTO |
ASOCIACIÓN NÓS MESMAS |
ASOCIACIÓN DE MULLERES DORNA |
SECRETARÍA DA MULLER DA CIG |
MULHERES NACIONALISTAS GALEGAS |
SECRETARÍA DA MULLER DE CC.OO. |
ASOCIACIÓN DE MULLERES PROGRESISTAS |
SECRETARÍA DA MULLER DA UXT |
ASOCIACIÓN REDE DE MULLERES VECIÑAIS CONTRA OS MALOS TRATOS DE VIGO |
UNIDADE DE IGUALDADE DA UNIVERSIDADE DE VIGO (en calidade de convidada) |
ESCOLA DE MULLERES SOLIDARIAS DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO |
FOANPAS (en calidade de convidada) |
ASOCIACIÓN DE MULLERES LÚA |
ASOCIACIÓN MULLERES E PALABRAS |
Desde esta ampla diversidade, o Consello Municipal da Muller é un vehículo fiable para tomarlle o pulso á situación das cidadás, e serve como órgano de consulta e asesoramento das políticas municipais de igualdade.
Dende o seu nacemento, o Consello Municipal da Muller ten organizado centos de actividades centradas na defensa das mulleres en todos os seus ámbitos, na concienciación social a prol da igualdade, na denuncia permanente dos actos sexistas, na repulsa a todos os actos e manifestacións de violencia contra as mulleres, e na vixilancia constante do cumprimento da lexislación en materia de igualdade por parte das administracións, dos medios, das empresas e da sociedade en xeral.
Moitos foron os acordos nestes anos que dende o Consello Municipal da Muller pasaron a ser discutidos e posteriormente aprobados. Un resumo deles son:
- 1994. Reivindicación da presenza de mulleres nas adxudicacións públicas, como en Vitrasa.
- 1995. Difusión dun manifesto e recollida de sinaturas para denunciar a impunidade coa que actúan os agresores que exercen violencia de xénero amparada na lentitude da xustiza e a ambigüidade das leis.
- 1997. Proposta ao Pleno do Concello de Vigo para que exerza a acusación particular en canta causa penal se desenvolva en Vigo relativa á privación da custodia do/a menor, con quebrantamento de resolución xudicial.
- 1998. Proposta ao pleno do Concello de Vigo na que se manifestaba a condena ao terrorismo de xénero e se solicitaba que a totalidade dos concellos de Galicia se dotasen dun programa integral contra os malos tratos.
- 1998. Manifesto dirixido ao Pleno do Concello de Vigo no que se pide a condena da violencia doméstica e todo tipo de violencia de xénero, e reclamar a adopción inmediata de todas as medidas xurídicas, sociais e políticas precisas para protexer a vida, a dignidade e a equipotencia social das mulleres
- 1998. Acordo dirixido ao pleno do Concello de Vigo para que se constitúa en parte nos casos de agresións a mulleres
- 2000. Proposta ao Concello de Vigo para que manifeste a súa condena do terrorismo de xénero, mediante a convocatoria dunha concentración cada vez que se produza un novo asasinato, e apoie as convocadas pola rede de mediadoras veciñais e polas asociacións de mulleres en xeral.
- 2000. Proposta dirixida ao Pleno do Concello de Vigo para designar co nome de “8 de marzo” a praza da Avenida das Camelias.
- 2002. Proposta de creación do segundo Xulgado de Familia na cidade.
- 2.003. Comunicado de rexeitamento ás guerras “A guerra non é a solución”.
- 2003. Comunicado polo que se pide a dimisión dos responsables do afundimento do “Prestige”.
- 2004.Proposta dirixida ao Pleno do Concello de Vigo para que manifeste a súa condena á violencia de xénero mediante a convocatoria dunha concentración na praza do Rei e a gardar un minuto de silencio en cada sesión plenaria, cada vez que se produza un novo asasinato.
- 2007. Proposta para considerar os funerais de mulleres asasinadas por mor da violencia de xénero como funerais de rango público, nos que as autoridades presidan o acto.
- 2010. Solicita o ingreso de María Xosé Queizán na Real Academia Galega.
- 2010. Elabora un dossier coa biografía de 27 mulleres que tiveron un papel destacado no desenvolvemento da cidade, co obxecto de reivindicar a súa visibilidade e memoria no bicentenario de Vigo.
- 2011. Comunicado de rexeitamento do “Anteproxecto de Lei de apoio á familia e á convivencia en Galicia” da Xunta de Galicia.
- 2011. Organización dos I Encontros de Consellos Municipais da Muller
- 2012. Inauguración do Roteiro en Feminino “Sons de mulleres” con sinalizacións verticais na rúa, para recoñecer o labor de mulleres da nosa cidade de diferentes ámbitos, e dentro del un espazo público co nome de 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
- 2013. Apróbase instaurar un Premio pola Igualdade co nome de Ernestina Otero.
- 2013. Manifesto de rexeitamento sobre a reforma da Lei do aborto.
- 2013. Adhesión á plataforma pola defensa do dereito ao aborto.
- 2016. Proposta ao Concello de Vigo para que no marco do proxecto municipal de arte mural empregue a Praza “8 de marzo” para a realización dun mural co lema “Vigo libre de violencias machistas”.
- 2011-2018. Colaboración na iniciativa municipal “EnlazaVigo contra a violencia de xénero”.
- 2017. Manifesto de rexeitamento á actuación de Jorge Cremade en Vigo polo seu carácter marcadamente machista e no que alude de xeito frívolo ás agresións contra as mulleres.
- 2016-2018. Colaboración na organización das Xornadas Municipais “Unidas contra as Violencias Machistas”
- Creación de comisións de traballo co fin de colaborar coa Concellería de Igualdade na organización de campañas en torno ás datas conmemorativas do 8 de marzo “Día Internacional das Mulleres”, e 25 de novembro, “Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres”.
- Convocatoria de manifestacións e difusión de comunicados de repulsa ante os casos de mulleres asasinadas por motivo da violencia de xénero.
- Apoia as manifestacións contra o desmantelamento da Sanidade Pública convocadas pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública e a Xunta de Persoal do SERGAS.
- Vixilancia e denuncia da publicidade sexista.
- Propostas e suxestións aos proxectos de plans municipais de igualdade e contra a violencia de xénero que aprobaron os diferentes gobernos municipais logo da aprobación inicial no Consello Municipal da Muller.
- Impulso á creación de espazos propios como a Casa das Mulleres, servizo adscrito á Concellería de Igualdade, situado na r/ Romil, 20.
- Comunicados de repulsa contra as manifestacións sexistas e discriminatorias de algúns cargos políticos, relixiosos…
- Propostas de nomes de mulleres para incluír no rueiro municipal.
Este resumo é unha simple mostra de moitas outras actividades, actos, reivindicacións, que o consello Municipal da Muller ten desenvolvido durante a súa ampla traxectoria - 25 anos facendo camiño-.
A visibilización e difusións desta traxectoria procura tamén ofrecer unha homenaxe a todas aquelas mulleres que nestes 25 anos de andaina traballaron a prol da defensa dos dereitos das mulleres e para conseguir un futuro libre de violencias machistas e, polo tanto, na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria para todas e todos nós.
DOCUMENTAL: Consello municipal da muller de Vigo - 25 anos facendo camiño
Un documental que retrata os logros dos últimos 25 anos do Consello Municipal da Muller de Vigo, organismo pioneiro en España que serviu de referencia para outros e que forma parte da historia do feminismo da cidade. Trázanse os momentos decisivos por medio de material de arquivo e entrevistas ás asociacións de mulleres e secretarías da muller de sindicatos hoxe inscritas. Unha mirada ao pasado que reflexiona tamén sobre o presente e o futuro das últimas manifestacións do 8M.
Dirixido por Xisela Franco.
Duración: 33:22 min.
Ver documental
.jpg)
|
|