Novas
Campaña municipal "Por un uso non sexista dos xogos e xoguetes"
16/12/2011 Máis novasA través do xogo imítanse condutas, transmítense valores, modelos de comportamentos, actitudes, etc, que van configurando a educación que reciben as nosas fillas e os nosos fillos. Sabemos que todo isto é determinante para a formación e o desenvolvemento da súa personalidade, e para a construción da súa identidade como home ou como muller na sociedade na que van vivir.
A idades moi temperás (0 a 3 anos) nenos e nenas xogan indistintamente con diversos tipos de xoguetes que pouco tempo despois uns e outras descartan por considerarlos doutro sexo, perdendo cada un deles e delas a oportunidade de aprender novas capacidades que lles favorezan a convivencia entre sexos, e as e os enriquezan como persoas. Este cambio prodúcese normalmente a partir dos 3 anos, coa incorporación na escola e coa asignación de roles e estereotipos diferenciados para nenas e nenos.
A través da imaxe da campaña que vos enviamos, a concellería de Igualdade persegue sensibilizar á cidadanía fronte ao uso sexista que se está a facer dos xogos e dos xoguetes e vai dirixida a axentes socializadores como a familia, a escola , os medios, as xogueterías , as superficies comerciais..., pois durante todo o ano familiares e amizades mercan xoguetes con motivo de múltiples celebracións: aniversarios, Nadal, fin de curso, etc. Ningún dos axentes socializadores citados debería etiquetar os xogos ou xoguetes, segundo o sexo da/o destinataria/o.