Novas
Exposición "Mujeres bajo sospecha. Memoria y sexualidad (1930-1980)"
23/10/2013 Máis novasO Concello de Vigo e a Universidade de Vigo a través das súas correspondentes departamentos de Igualdade inaugurarán o vindeiro 28 de outubro a exposición Mujeres bajo sospecha. Memoria y sexualidad (1930-1980), comisariada por Raquel Osborne e María Rosón, que acollerá ata o 30 de novembro a primeira planta da Casa das Artes.
O tema que guía a exposición é a sexualidade das mulleres entre 1930 e 1980, e que a través dos obxectos e documentos que tiveron preto das súas vidas (documentación orixinal, libros, fotografías, carteis, pinturas, obxectos, etc) marcará un percorrido temático e non lineal entre o íntimo e o público, o pupular e as elites, o anónimo e o concreto.
Un mosaico inacabado cunhas protagonistas: as mulleres postas baixo sospeita durante a ditadura franquista, que malia estaren duramente reprimidas en ocasións atoparon espazos nos que se expresaren con voz de seu. A sexualidade é o fío que nos guía para ir mesturando a vida íntima e a vida pública dunha ditadura que quixo, e ás veces logrou, dirixir os corpos e as almas. Pero que tamén fracasou no seu propósito totalizador, baixo o impulso das “novas” mulleres” e a memoria das maiores.
O cambio e as resistencias móstranse cos diferentes contidos de cada espazo. O tema, o estilo e os materiais propostos son claramente recoñecibles, evitándose a monotonía, pero asemade, hai elementos comúns e propósitos que unifican e orientan o itinerario: uns moi breves datos sobre o estado material do país (alfabetización, natalidade, emprego feminino); o recurso á iconografía da época (carteis, estampas, manuais ou breviarios, publicidade, propaganda, obxectos cotiáns); a mestura de niveis (elites e cultura popular; decisións do réxime e efectos cotiáns); a presenza de trazos xerais e de personaxes concretos, con nomes e apelidos, mulleres, protagonizan cada espazo e mesturan a súa biografía coa temática xeral.
A mostra divídese en cinco áreas temáticas :
As modernas
Individuas de dubidosa moral
As domesticadoras
As decentes
As liberadas
Convite en arquivo adxunto:
ARQUIVOS ADXUNTOS:
invitacion_mulleres_baixo_sospeita.pdf 887 KB