Novas
Obradorio de autoprotección para mulleres
04/05/2017 Máis novasA Concellería de Igualdade abre o prazo de inscrición para participar no Obradoiro de Autoprotección para mulleres que se realizará nos meses de maio e xuño durante nove sesións formativas
Dirixido a mulleres maiores de 18 anos
Obxectivos e contidos:
O obxectivo deste obradoiro é proporcionarlles ás asistentes uns coñecementos e habilidades básicas de autoprotección que lles permita mellorar a súa seguridade persoal e ter un plan de seguridade con medidas que lles axuden a previr a agresión, ou, senón fose posible, saír dela con máis garantías. Estes coñecementos están pensados para que poidan ser de utilidade ante calquera imprevisto de carácter violento que lles poida acontecer na súa vida particular.
No transcurso das sesións formativas as alumnas aprenderán a identificar situacións de risco; estar alerta ante tentativas de agresión; aprenderán e practicarán habilidades, técnicas e recursos para a súa protección e defensa... Esta formación permitiralles mellorar a súa capacidade de reacción, a súa autoestima e a súa confianza persoal.
O primeiro día do obradoiro realizarase unha sesión introdutoria sobre os aspectos psicolóxicos na autoprotección desde unha perspectiva de xénero, que será impartida pola psicóloga do Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller.
As seguintes sesións serán impartidas por instrutores da Policía Local.
Datas: 25, 29, 30, 31 de maio e 1, 5, 6, 7 e 8 de xuño. 9 sesións. 18 horas
Horario: 16:00 a 18:00h
Lugar: Casa das Mulleres e instalacións da Policía Local. Concello de Vigo
Prazo e requisitos para a inscrición:
As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Daráselles preferencia ás mulleres empadroadas en Vigo e que non realizasen esta formación con anterioridade.
Non é necesario ter unhas condicións físicas determinadas nin coñecementos previos sobre algún tipo de arte marcial. A formación desenvolverase de tal xeito que todas as alumnas poidan realizar satisfactoriamente a actividade.
Inscrición previa desde o venres 5 de maio e ata cubrir prazas na Concellería de Igualdade, 1.ª planta da Casa do Concello de 9:00 a 13:30h, ou ben a través do tfno. 986 810 284, en horario de 8:00 a 15:00h.