Novas
Apertura do prazo de inscrición para participar no obradoiro de Autoprotección para mulleres
09/10/2018 Máis novasA Concellería de Igualdade abre o prazo de inscrición para participar no OBRADOIRO DE AUTOPROTECCIÓN PARA MULLERES
Dirixido a: mulleres maiores de 18 anos empadroadas en Vigo, agás alumnas derivadas polo Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller
Obxectivos:
O obxectivo deste obradoiro é proporcionarlles ás asistentes uns coñecementos e habilidades básicas de autoprotección que lles permitan mellorar a súa seguridade persoal e ter un plan de seguridade con medidas que lles axuden a previr a agresión, ou, senón fose posible, saír dela con máis garantías. Estes coñecementos están pensados para que poidan ser de utilidade ante calquera imprevisto de carácter violento que poida acontecerlles na súa vida particular.
Contidos:
No transcurso das sesións formativas as alumnas aprenderán a identificar situacións de risco, a estar alerta ante tentativas de agresión, e aprenderán e practicarán habilidades, técnicas e recursos para a súa protección e defensa... Esta formación permitiralles mellorar a súa capacidade de reacción, a súa autoestima e a súa confianza persoal.
O primeiro día do obradoiro realizarase unha sesión introdutoria sobre os aspectos psicolóxicos na autoprotección desde unha perspectiva de xénero, que será impartida pola psicóloga do Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller.
As seguintes sesións serán impartidas por instrutores da Policía Local.
Datas: 30 de outubro, e 5, 6, 8, 9, 12, 13, 15 e 16 de novembro. 9 sesións. 19 horas
Horario: 16:30 a 18:30 h (agás a sesión introdutoria do día 30 que será de 16:30 a 19:30 h).
Lugar: Casa das Mulleres e instalacións da Policía Local. Concello de Vigo
Prazo e requisitos para a inscrición:
As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.
Non é necesario ter unhas condicións físicas determinadas nin coñecementos previos sobre ningún tipo de arte marcial. A formación desenvolverase de tal xeito que todas as alumnas poidan realizar satisfactoriamente a actividade.
Inscrición previa desde o mércores 10 de outubro, e ata cubrir prazas, na Concellería de Igualdade, 1ª planta da Casa do Concello, de 9:00 a 13:30 h; ou ben a través do teléf. 986 810 284, en horario de 8:30 a 15:00 h.
O persoal da administración local do concello non poderá participar nesta formación.
Protección de datos: os datos que vostede facilite incorporaranse ás correspondentes actividades de tratamento do Concello de Vigo e serán tratados coa finalidade específica de cada tratamento de conformidade coa regulación establecida polo Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello sobre protección de datos de carácter persoal e demais disposicións de aplicación. A lexitimación do tratamento está baseada no consentimento das persoas interesadas. O prazo de conservación dos datos dependerá do especificado para cada tratamento de datos persoais.
Os datos solicitados unicamente serán obxecto de cesión, no seu caso, logo do consentimento da persoa interesada ou de acordo co previsto na citada lexislación.
As persoas cuxos datos datos persoais sexan tratados polo Concello de Vigo poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade, así como a opoñerse á toma de decisións individuais automatizadas, incluída a elaboración de perfís, na forma prevista na lexislación vixente sobre a materia, ante o órgano responsable do ficheiro. No caso de descoñecer este órgano, a solicitude dirixirase á dpd.vigo@vigo.org
Así mesmo as persoas usuarias tamén teñen dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos.