Novas
Clausura do programa "CAMIÑA CON NOS POLA IGUALDADE"
17/06/2008 Máis novasO día 17 de xuño a Concelleira de Igualdade clausurou no CEIP "O Pombal" o programa "Camiña con nós pola igualdade, no que participaron 2200 alumnas e alumnos da cidade.
Un total de 29 centros de ensino da cidade participaron neste curso escolar 2007/08 nesgte programa que ten por obxecto fomentar a educación en igualdade de oportunidades e a prevención de condutas violentas. 2200 alumnas e alumnos recibiron unha media de 3 ou 4 obradoiros
O programa da prioridade ao segundo ciclo de educación infantil (de 3 a 6 anos) ao tratarse dunha etapa idónea para traballar a coeducación, a igualdade de oportunidades entre xéneros e a prevención de condutas violentas. Pola súa banda, a importancia do último curso de Educación Primaria (6º curso) radica en que se trata dunha etapa de transición á Educación Secundaria Obrigatoria, na que resulta fundamental proporcionar ferramentas que lle permitan ao alumnado desenvolver interaccións positivas e igualitarias.
As pedagogas que imparten os obradoiros traballan co alumnado o reparto dos roles na sociedade de xeito que poidan ver que é posible facer as cousas de forma diferente. Mediante os obradoiros desenvolvidos, centrados na familia e a corresponsabilidade, o traballo, a presenza das mulleres e a afectividade os propios rapaces e rapazas danse conta das diferenzas que existen nas súas propias aulas e nas súas casas.
Atendendo ás enquisas de avaliación recibidas, o profesorado móstrase satisfeito co desenvolvemento do programa e manifesta o desexo de participar novamente.