Novas
O Concello repartirá 500 unidades didácticas en centros escolares vigueses para fomentar a igualdade
01/10/2008 Máis novasO Concello de Vigo repartirá 500 unidades didácticas en diversos centros de ensino da cidade co obxectivo de facilitar ao profesorados ferramentas coas que profundizar na igualdade entre nenos e nenas, segundo anunciou este mércores a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso.
A edil explicou que esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa asociación Implicadas/os no Desenvolvemento, pretende axudar ao profesorado de 3º e 4º da ESO a traballar aspectos relacionados co xénero, a interculturalidade e a situación sociocultural de Tamil Nadu, na India.
Iolanda Veloso salientou que Implicadas/os no Desenvolvemento se centra no traballo coas mulleres para promover a súa autonomía "proporcionando ferramentas para que poidan cambiar a súa vida e o seu contorno". Neste sentido, indicou que a unidade didáctica elaborada por esta entidade proporciona un amplo material ao profesorado para que poida traballar nos diferentes temas propostos dun xeito dinámico. Segundo sinalou a concelleira nacionalista, a proposta inclúe exemplos de situacións similares de mulleres de diferentes culturas, como pode ser no tocante a roupa e o papel que xoga a saia en occidente e o sari na India.
A escritora María Reimóndez, pola súa banda, explicou que a unidade didáctica que se repartirá nos centros educativos está baseada nun libro no que se recollen textos de autoras galegas e tamiles nos que se poñen en dúbida diversos estereotipos relacionados coas mulleres. Segundo a representante de Implicadas/os no Desenvolvemento, que desenvolve o seu traballo intercultural coa India e Etiopía, os obxectivos da unidade didáctica inclúen achegarse á literatura feita dende outras culturas, entender os problemas derivados do xénero cun enfoque global, desmitificar algúns aspectos existentes sobre a India e provocar unha reflexión crítica sobre as diferenzas por causa do xénero.
ARQUIVOS ADXUNTOS:
vanakkam.pdf 3911 KB