• 8 de Marzo
   Día Internacional da Muller

• 25 de Novembro
   Día Internacional da eliminación
   da Violencia contra a Muller
vinetaNovas  
Web Concellería
de Igualdade
Web Violencia
   de Xénero
Violencia Sexual
na Xuventude

Novas
PROGRAMA "EMPATÍA" promoción da cultura de igualdade na ESO
01/12/2008    Máis novas
O Concello pon en marcha o programa "Empatía" para promover a igualdade na comunidade educativa da ESO

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou este luns "Empatía", un programa dirixido especificamente á comunidade educativa dos centros de ensino secundario de Vigo para desenvolver ao longo do curso 2008-2009. A edil subliñou que esta iniciativa se enmarca nas accións que desenvolve a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo na loita pola igualdade de oportunidades posto que, ao seu xuízo, "a realidade mostra que aínda queda moito por facer".

"Empatía é un programa que dende unha perspectiva global trata o tema da educación para a igualdade", explicou Iolanda Veloso, quen destacou que o material da campaña incide neste problema dende "moi diversos puntos de vista" tendo en conta tanto o traballo co profesorado, coas nais e pais, así como cos propios mozos e mozas dos centros de ensino secundario de Vigo. Ademais de promover entre o alumnado da ESO a cultura da igualdade, a campaña tamén ten como obxectivos animar a pais e nais a promover a igualdade desde o fogar, proporcionar ferramentas ao profesorado para a promoción da igualdade de oportunidades, formar un grupo de profesionais en educación para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e ofertar accións educativas de corta duración.
Iolanda Veloso destacou a importancia do traballo cos mozos e mozas, en tanto que se atopan nunha etapa que é fundamental no desenvolvemento das persoas, e na que a toma de decisións son elementos que marcan a construción das identidades, principalmente a de xénero. Segundo a edil do BNG, a partires desta situación detectouse a necesidade de levar a cabo un programa no que as e os adolescentes sexan o eixo principal.

O Director de proxectos da Asociación Lilith, Xosé Expósito, explicou que o módulo adicado ao traballo con nais, pais ou tutores, "Axudando a vivir na igualdade", se centrará en promover sentimentos, pensamentos e condutas que poidan axudar a nais e pais a desenvolver a cultura da igualdade no propio fogar. Nunha sesión de dúas horas trataranse temas como a desigualdade no ámbito privado, os modelos familiares, a expresión dos sentimentos, a sexualidade e os tempos de lecer. En canto ao módulo dirixido ao profesorado, "Igualdade no centro e na acción titurial", ten o obxectivo de facilitar o traballo da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres desde a aula. O curso de formación terá entre 4 e 12 horas de duración, en función do programa de contido segundo interese do profesorado. A temática a tratar centrarase no sexo e xénero, a escola mista versus a escola co-educativa, a educación afectiva e sexual, a violencia na escola e os recursos para o traballo no centro e na aula.

O módulo dirixido ao alumnado "Todas e todos", quere fomentar nos mozos e mozas actitudes igualitarias que melloren a actual situación de discriminación que sofren as mulleres. Os obradoiros terán unha duración de catro sesións de 50 minutos cada unha e os contidos varían en función de cada curso. Así, no primeiro da ESO tratarase a discriminación social da muller, os roles e estereotipos, e as habilidades socio-afectivas. No segundo curso da ESO os temas a tratar son sexo e xénero, corresponsabilidade e autoestima. O terceiro curso centrarase na corresponsabilidade, a sexualidade e as relacións amorosas dende a igualdade. E finalmente, no cuarto da ESO tratarase a escolla profesional en función do xénero, as relacións amorosas dende a igualdade e os dereitos sexuais.

Por último, e para dotar ao programa de maior flexibillidade, a campaña tamén contempla a realización de accións educativas de curta duración, de xeito que se impartirán conferencias sobre a corresponsabilidade como peza clave para a convivencia, a violencia de xénero, as masculinidades, o sexismo nos medios de comunicación ou as mulleres na ciencia. Xosé Expósito salientou que a metodoloxía de todas as accións formativas é "eminentemente práctica e colectiva", posto que parte das vivencias das propias persoas participantes.

"Dende a Concellería de Igualdade tentamos impulsar iniciativas que nos permitan acadar unha cidadanía que poida mirar o futuro desde o prisma da igualdade", subliñou a concelleira nacionalista, quen sinalou que esta semana se iniciarán os contactos cos centros educativos e o seu profesorado e Anpas co obxectivo de "facilitar a súa participación".

imagen agenda
Síguenos en:
Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en Youtube Síguenos en Flickr
Máis novas
Máis convocatorias
fondo
© Concello de Vigo. 2008
Praza do Rei nº1-36202-Vigo
Tel.:986 810 100