Novas
Concerto de Voces Femininas con Basia Bulat + Dawn Landes + Hello Saferide
20/11/2009 Máis novas
O sábado 21 de novembro ás 22.30 horas, terá lugar o concerto principal do festival Voces Femininas 2009 no auditorio do Centro Cultural Caixanova . Subirán ao escenario Basia Bulat, Dawn Landez e Hello Saferide.
Abrirá os concertos Hello Saferide, quizais a artista que con máis talento e forza irrompeu no panorama musical sueco nos últimos anos. En 2008 publicou o seu segundo disco de estudo, More modern short stories from Hello Saferide (Razzia Records), que por fin vén presentar nas súas primeiras actuacións no noso país.
A continuación subirase ao escenario Dawn Landes, unha cantante e compositora americana que factura un folk imaxinativo , que domina as táboas como ninguén e que, entre outras moitas cousas, traballou como enxeñeira de son ás ordes de Philip Glass.
E pechará a noite a canadense Basia Bulat, que sorprendeu a todo o mundo no 2007 con Oh My Darling (Rough Trade), unha colección de cancións preciosas, incriblemente arranxadas e mecidas por unha voz portentosa. Din os que a viron en directo que, sobre o escenario, a maxia multiplícase, amplificada pola súa voz, a súa técnica instrumental, a súa simpatía e a súa capacidade para conectar co público.
No concerto renderase unha pequena homenaxe a Françoise Hardy, unha das estrelas máis grandes xurdidas no século XX e todo un exemplo de saber estar, de bo gusto e de carreira intachable para as seguintes xeracións.
O festival terminará con Noite de Voces Femininas, unha iniciativa á que se uniron as principais salas de Vigo (A Iguana, A Fábrica de Chocolate e Sala Mondo) e pola que nestes locais só se porá música interpretada por voces femininas.
Podedes atopar información sobre o festival, sobre as artistas e un pequeno blog actualizando regularmente en www.vocesfemeninas.com
Esta convocatoria, ademais de proporcionar un espazo no que dar a coñecer o gran talento das cantautoras, quere tamén rendir homenaxe ás mulleres pioneiras, que ofrecen pezas que xa forman parte do noso acerbo musical, como neste caso á cantante francesa Françoise Hardy.