• 8 de Marzo
   Día Internacional da Muller

• 25 de Novembro
   Día Internacional da eliminación
   da Violencia contra a Muller
vinetaNovas  
Web Concellería
de Igualdade
Web Violencia
   de Xénero
Violencia Sexual
na Xuventude

Novas
Declaración institucional con motivo da celebración do 25 de novembro
25/11/2009    Máis novas
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE VIGO CON MOTIVO DO DÍA 25 DE NOVEMBRO: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O día 25 de novembro, declarado pola Asemblea Xeral da ONU como día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller no ano 1999, constitúe un referente para a renovación das obrigas dos poderes públicos, colectivos, institucións e toda a cidadanía para conseguir a erradicación da violencia contra as mulleres.

Desde o Concello de Vigo consideramos que a violencia de xénero é a manifestación máis extrema de desigualdade que aínda hoxe persiste na nosa sociedade.
Violencia de xénero é todo acto de agresión dirixido contra as mulleres que vén derivado das relacións de poder historicamente desiguais dos homes sobre as mulleres. Esta violencia da-se en todos os ámbitos da vida, no traballo, na rúa, na casa …, e aféctanos a todas as mulleres sen ter en conta a idade, cultura, relixión, clase social, causando sufrimento psíquico e físico, e mesmo a morte. Cinco mulleres, no que vai de ano, foron asasinadas na Galiza: Mª Teresa, Mª Socorro, Mª Luz, Ubaldina e Laura.

As raíces desta violencia están no patriarcado que instituiu unha orde de dominación (social, económica, política) do masculino sobre o feminino, para manter este sistema a violencia de xénero é utilizada como ferramenta de control, de submisión e de obediencia.
Se na actualidade se empeza a considerar a violencia de xénero un problema político é froito das loitas do movemento feminista. Os dereitos non foron regalados senón que foron conquistados grazas á constancia e ao esforzo da loita das mulleres. E por iso nunca se pode baixar a garda, non permitindo ningún paso atrás e pola contra asegurando o seu avance e a pronfundización.

Na cidade de Vigo hai que destacar que as mulleres organizadas representan un tecido social moi importante, e tamén a labor desenvolvido desde o Consello Municipal da Muller, órgano consultivo do Concello de Vigo, o primeiro creado na Galiza no ano 1992. Ambos teñen demostrado, na teoría e na práctica que grazas as súas intervencións déronse pasos fundamentais na mellora social da nosa cidade en difentes ámbitos (sociais, educativos, laborais, políticos culturais…). É por iso que resulta de vital importancia recoñecer e traballar dunha maneira coordinada e, en colaboración, coas diferentes organizacións de mulleres desta cidade para visibilizalas e recoñecer o traballo que veñen desenvolvendo desde hai tantos anos e que repercutirá, dunha maneira positiva, nesta sociedade que aínda segue a ter discriminadas ás mulleres.

Existen novos instrumentos legais que poden axudar a paliar esta situación, entre outras a Lei de proteccion integral contra a violencia de xénero de 2004 , a lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de 2007 ou o IV Plan de igualdade do Concello de Vigo. Pero estas leis e plans, sendo necesarios, hai que dotalos de recursos humanos, materiais e económicos e desenvolvelos para que sexan útiles para enfrontarse a esta lacra social; é necesario, ademais que nun momento de crise económica, as administracións non limiten os recursos, senón que mesmo os incrementen, para atender a todas e cada unha das necesidades que poidan ter as mulleres.
Partindo de que os instrumentos legais, por si sós, non son suficientes para conseguir novos modelos de relacións entre homes e mulleres, esíxese a participación activa de todas e todos na consecución dunha sociedade democrática, tamén para as mulleres, durante todos e cada un dos días do ano.

O Concello de Vigo manifesta que vai seguir traballando para erradicar a violencia de xénero e comprométese a vixiar, previr e promover políticas dunha maneira transversal en todas as súas actividades, garantindo que todas as persoas sexan libres e iguais en dignidade e dereitos.

imagen agenda
Síguenos en:
Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en Youtube Síguenos en Flickr
Máis novas
Máis convocatorias
fondo
© Concello de Vigo. 2008
Praza do Rei nº1-36202-Vigo
Tel.:986 810 100